2020

INVERNO

Xaneiro / día 25

Sendeirismo invernal – Raquetas de neve

As técnicas de desprazamento sobre raquetas de neve facilitan a progresión en terreos con grande cantidade de neve branda. O coñecemento da historia e uso deste material axuda e completa a formación do deportista ou persoa coa necesidade de desprazarse en terreos con neve branda. As prácticas no terreo nevado se complementan coas clases teórico/prácticas sobre o coidado e mantemento das raquetas de neve e bastóns.

Marzo / días 21 e 22

Curso de Montañismo Invernal

Este Curso está pensado para iniciar ou aumentar os niveis técnicos dos afeccionados ó deporte do montañismo. Neste caso, como progresar, ascender e descender pola montaña nevada con características de neve dura ou xeada, empregando as oportunas técnicas de manexo dos crampóns e piolet, tamén, saber deterse no caso dunha caída por unha pendente de neve, ademais, coñecer as técnicas de seguridade en cordada e os diferentes estados da neve e xeo que nos permitan movernos con rapidez e seguridade.

Marzo / día 21

Sendeirismo invernal – Raquetas de neve e ARVA

As técnicas de desprazamento sobre raquetas de neve facilitan a progresión en terreos con grande cantidade de neve branda. Nesta xornada formativa, ademais, trataremos o emprego da bota como forma de progresión nun tipo de neve máis dura. O equilibrio e a posición do corpo sobre a pendente son determinantes cando se emprega a técnica de ascensión sobre os cantos interior, exterior, punteira e talón da bota de montaña.

O coñecemento do ARVA (Detector de Vítimas de Aludes de neve) ademais do correcto emprego e as prácticas correspondentes, completan esta interesante xornada informativa de grande interese para tódolos/as practicantes da Alta Montaña ou Montañismo Invernal.

PRIMAVERA

Abril / día 25

Ruta do volframio e “fuxidos”

Con esta interesante e clásica alta ruta de montaña, pretendemos dar a coñecer dous feitos moi enraizados na historia destas montañas. O volframio está incluído dentro das razóns táctico-económicas do noso país dentro da historia da segunda guerra mundial. Os “fuxidos” -tamén coñecidos como “maquis”-, despois da nosa guerra civil, significaron moitos episodios de rebelión e dor que inda hoxe están moi presentes na historia destas aldeas.

A visita O Teixadal de Casaio como xoia botánica, pecha esta xornada e percorrido cultural e deportivo.

Maio / día 23

“As cores de Trevinca – primavera” – Ruta ornitolóxica Serra Calva

A nosa intención e desexo é, non soamente fomentar o interese polo deporte do montañismo no noso Concello, senón ademais, e como razón preferente, dar a coñecer a nosa magnífica e ben conservada Natureza de Montaña. Acompañando a esta actividade deportiva, durante o percorrido se realizarán pequenas charlas sobre aspectos botánicos, de fauna e de avifauna. Se completará esta actividade coa visita ao Centro da Montaña de Trevinca en A Ponte, cunha charla xeral sobre as nosas montañas.

Xuño / día 13

Día da montaña Galega en Pena Trevinca – Cima de Galicia

A celebración do Día da Montaña Galega quere ser o recoñecemento a unha abondosa Natureza de Montaña simbolizada en Pena Trevinca como cima de Galicia con seus 2127 m de altitude. Con este acto queremos por en valor un excepcional territorio de montaña, onde se atopan unha boa parte de endemismos de grande valor. Os motivos botánicos, faunísticos ou xeolóxicos, ou incluso históricos, son razóns máis que suficientes para a posta en valor como Parque Natural, priorizando sempre a lóxica protección destas Montañas de Trevinca no territorio galego.

VERÁN

Xullo / días 04-05

Entre Lobos e Estrelas – Marcha Nocturna

Este tipo de actividade de claro e marcado carácter deportivo pola súa dureza, gran desnivel, e ademais, cun significado trazado de alta montaña, se realiza durante toda a noite e unha boa parte de mañá do seguinte día, totalizando unhas 10 ou 14 horas cunha distancia duns 30 a 40 Qm. Durante o percorrido e aproveitando algúns descansos, se tratan diferentes temas relacionados cos aspectos glaciares, etnográficos e antropolóxicos.

Xullo / días 18-19

Os Ceos Nocturnos e as Bolboretas de Trevinca

Este innovador proxecto de actividade, contempla unha formativa experiencia nocturna relacionada co coñecemento das constelacións e outras informacións sobre o noso universo. O amencer nas Lagoas Glaciais de Piatorta, é o momento máis apropiado para a fotografía de libélulas e bolboretas no seu medio natural. Os aficionados e estudosos destes insectos poderán achegarse a estes afastados lugares acompañados por  bos coñecedores destas montañas.

Setembro / días 19-20

Xornadas de Orientación e GPS – Nocturna e Diurna

Esta actividade deportiva e formativa, pretende anticiparse aos posibles problemas derivados da perdas en montaña. Os percorridos por montaña poden transcorrer por lugares onde seguir a traxectoria deseñada pode ter unha gran dificultade, ademais, tanto a noite como os repentinos cambios nas condicións meteorolóxicas como a néboa poden ser os causantes dunha das perdas con graves consecuencias. Os coñecementos de cartografía e o orientación como o compás ou o GPS, nos permitirán saír e completar os nosos percorridos con eficacia e seguridade.

Os percorridos nocturnos con prácticas de orientación en condicións desfavorables, sitúan ó participante nun medio e situación que debe de coñecer e solucionar.

OUTONO

Outubro / día 17

As Cores de Trevinca en Outono – Morfoloxía Glaciar

O igual que As Cores de Trevinca en Primavera, neste percorrido outonal se dará a coñecer as características que marcan esta estación anual, os froitos das plantas e os árbores, os animais na súa preparación para o inverno e toda a ampla gama de cores dende os amarelos ata os vermello, conformarán unha imaxe de sumo interese tanto no cultural como no medioambiental.

O coñecemento das singularidades de Trevinca como medio glaciar de grande importancia, é fundamental para recoñecer as súas características de Alta Montaña.

Decembro / día 12

O Nadal en Pena Trevinca – Montañismo Invernal

Esta clásica ruta de montañismo invernal, moi apropiada para deportistas con experiencia no emprego de raquetas de neve, ademais do uso de crampóns e piolet, estase a converter nunha actividade moi valorada polos amantes da neve e xeo. Neste caso, a ascensión a Pena Trevinca-Cima de Galicia en condicións invernais convértese nun referente deportivo dentro do montañismo Galego.

Desexamos manter o simbolismo do Nadal coa instalación do que denominamos “O Belén da Cima de Galicia”. Este belén retirase a mediados de xaneiro.